Entradas

ACTIVIDADES 3º TRIMESTRE 3 ANOS

Imagen
      O CURSO XA CHEGA AO SEU FIN E SÓ NOS QUEDA RECORDAR AQUELES MOMENTOS , ACTIVIDADES , RISAS E XOGOS REALIZADOS NO TERCEIRO TRIMESTRE POLOS NENOS E NENAS DE 3 ANOS.      AS ACTIVIDADES FORON MOITAS E DIVERSAS COMO: O DÍA DO LIBRO , OS MAIOS , A SAÍDA Á AFUNDACIÓN PARA DESFRUTAR DA OBRA DE TEATRO "FEO" , O DÍA DAS LETRAS GALEGAS , A PLANTACIÓN DE FLORES NA AULA, A PLANTACIÓN DE LEITUGAS E DE PATACAS NA HORTA DO PATIO DE RECREO, DO PROXECTO DE REBECA ATENCIA E OS CHIMPANCÉS E A ELABORACIÓN DUN MINIMUNDO PARA TRABALLAR O TEMA, OS ANIVERSARIOS DOS NENOS E NENAS, A FESTA DE FINAL DE CURSO , O DÍA DO DEPORTE ...    MOITAS DESTAS ACTIVIDADES PODEDES OLLALAS NO SEGUINTE VÍDEO. ESPERO QUE VOS GUSTE. AGORA XA TOCA  DESFRUTAR DO VERÁN.   MOITAS GRAZAS POR TODO!!!!

XOGOS NA BIBLIO

A finais de curso, a  Pescadora de Historias comeza a recoller todos os contos e libros que nenos e nenas empregaron nestas últimas semanas, así que xa non podemos levar empréstitos para casa.  Pero houbo unha pequena sorpresa na visita desta semana á biblio da escola: unha sesión de xogos e actividades creativas.  Todos os peques de infantil puideron empregar o recanto LEGO (tamén o de maiores!), debuxar , facer marcapáxinas , xogar coas marionetas ou ler libros e contos . Foi unha sesión moi divertida, como poderedes ver no seguinte video. Grazas a todas as familias pola colaboración nestes meses, lendo e coidando os contos e participando activamente na actividade das mochilas viaxeiras. 

VISITA Á GRANXA BELELLE 2023

No mes de xuño non pode faltar a saída de fin de curso, que fixemos o xoves -día 8-  á Granxa Belelle , en Neda.  Despois da viaxe en autobús, os monitores recibíronnos á chegada e distribuíronnos en grupos para poder facer todos os talleres. Estes foron: coidados e plantación no horto , visita aos animais (domésticos e exóticos) e paseo en poni . Fomos visitando as instalacións, cada grupo acompañado dun monitor: Juani, Xurxo, Begoña... Todos e todas explicaron moitos detalles dos animais, como a súa orixe e alimentación. Coñecimos á vaca Shakira , ao burro Trancas , á mini poni Xeada -que tiña un fillo aínda máis mini-, a cobaia Grey ... Tamén vimos ás aves, pavos, galiñas, galos; e outros animais como a llama ou o dromedario , que nos botou a lingua para saudarnos. No taller de horto prantamos unha semente de faba ; como este ano prantamos na escola sabiamos un montón de cousas, pero aínda así foi moi interesante escoitar as explicacións sobre os coidados da semente. A ...

XOGAR A PENSAR

Imagen
Ao longo do curso nas sesións de xogar a pensar realizamos diferentes actividades e propostas.  No 1º trimestre co alumnado de 5º e 6º de infantil centrámonos nos sentidos , e co alumnado de 4º de infantil fixemos xogos e pequenos retos relacionados coa lóxico matemática .  No 2º e 3º trimestre a pintura foi a protagonista, coñecendo pintores e pintoras, reflexionando e aprendendo as través dos seus cadros. En concreto falamos da obra de Pablo Picasso , Maruja Mallo e Menchu Lamas . Deste xeito tamén demos visibilidade a dúas pintoras relevantes no pasado e presente da pintura, a pintora surrealista Maruja Mallo e Menchu Lamas, membro da Real Academia Galega de Belas Artes. Aínda que o alumnado levou un pequeno dossier coas actividades realizadas, non podíamos incluír todas as conversas e reflexións realizadas. Pero poderedes ler as conversas da primeira actividade sobre os cadros "Neno con pomba" e "Pobres á beira do mar",  premendo no seguinte enlace: http://www....

APADRIÑAMENTOS LECTORES

Imagen
  Premendo na imaxe poderedes ver un video sobre a actividade de apadriñamento lector . O alumnado de 5º e 6º de infantil converteuse por uns días en afillados e afilladas dos nenos e nenas de 5º e 6º de primaria.  Fixemos unhas parellas, estiveron na biblioteca para falar un pouquiño e coñecer os gustos lectores dos máis pequenos e, finalmente,  tiveron un momento de lectura ao aire libre, aproveitando o bo tempo destes días.  Foi unha bonita experiencia que puidemos recuperar despois dun tempo sen poder facer actividades internivelares. 

BENVIDA PRIMAVERA

Imagen
Estas semanas na escola houbo varias propostas relacionadas coa primavera, como facer un pequeno mural ou plantar diferentes sementes .  Para a realización do mural aproveitamos a árbore que fixemos para o outono, decorándoa cun montón de flores. Na aula de 3 anos decidiron colorear un círculo e estampar pétalos de cores; nas aulas de 4 e 5 anos observaron diferentes imaxes de flores (tulipán, margarita, crisantemo...) e debuxaron as que máis lles gustaron. Despois, nas aulas plantamos diferentes sementes de flores en vasos de iogur, así reutilizamos o plástico dándolle unha segunda vida.  Pero a cousa non quedou aí, tamén aproveitamos os bancais do patio para plantar leitugas e patacas . Polo de agora están medrando moi ben, esperamos ter unha boa colleita! No video veredes parte deste traballo, esperamos que vos guste!

OS MAIOS 2023

Imagen
Coa chegada da primavera festexamos a festa dos maios , que pouco a pouco vai tendo unha maior presenza na nosa comarca.  Grazas a colaboración das familias, estes días, a escola estivo chea de cores e olores: crisantemos , margaritas , calas , rosas ... e grazas a axuda de Lola e Merce todo o alumnado da escola creou un maio así de bonito :-) No video veredes como os peques de infantil puxeron cor á base do noso maio, que é un estupendo e florido peón.