SAÍDA DE FIN DE CURSO AO MUÍÑO DE PEDROSO
O 13 de xuño visitamos o Muíño de Pedroso, en Narón, onde participamos nunha morea de talleres que foron moi interesantes:
- Horta ecolóxica
- Pegadas de animais
- Herbas aromáticas: sales de baño e sacos aromáticos
O día non acompañou e a choiva estivo presente gran parte do tempo, así que os monitores e monitoras tiñan todo preparado con carpas para non mollarnos e poder realizar todas as propostas.
Na horta quitamos follas estropeadas, removimos a terra para preparala para sementar, atopamos caracois, formigas e outros animaliños e plantamos unha leituga que puidemos levar para casa.
No taller de pegadas participamos nun xogo para coñecer unha morea de animais do bosque, desde a pega ata o esquío, pasando pola marta ou a curuxa. Polas características que dicían as monitoras tiñamos que adiviñar de que animal se trataba e despois relacionar coa súa pegada. Sabiades que a pegada da curuxa é como a letra K pero ao revés? Despois do xogo, estampamos unha pegada nun anaco de barro que previamente amasamos, quedaron xenial!
Pegada de curuxa
No taller de herbas aromáticas fixemos dúas cousas: sales de baño e sacos aromáticos. Para as sales de baño, mesturamos sal con colorante e despois engadimos unha esencia. Para facer os sacos aromáticos tivemos que partir en anaquiños diferentes follas de romero ou herba luísa. Que ben cheiraban!
No vídeo veredes todo o que fixemos e canto aprendimos. Grazas a os traballadores e traballadoras do Muíño de Pedroso, esperamos voltar de novo moi pronto!
Comentarios
Publicar un comentario